“Hai un interese en que existan os conflitos bélicos nos nosos países porque poden aproveitarse”, afirma Dàrio (Angola), facendo mención ás compañías transnacionais de occidente. “A miña cidade, Luanda, é unha cidade insegura. A partir das 6 da tarde non é seguro ir pola rúa cun smartphone ou estar en determinadas zonas”. “Eu lembro perfectamente o día e a hora no que rematou a guerra civil en Angola. Pero cando gañou a guerra o partido que está gobernando o meu país agora, foi como unha paz pero sin ser paz. Porque seguiron as persecucións ás persoas que eran do bando que perdera a guerra. Eu fun un privilexiado porque a miña familia estaba nese bando, pero teño familares que sufriron torturas terribles por parte doutra rama do mesmo partido. A miña irmá xa viñera antes, a maior, e vivía aquí na Coruña. Rematei a ESO e vin, agora estou rematando o grao en Relacións Laborais no campus de Ferrol”. Sobre a súa vida na Coruña, asegura que a integración non é doada por mor do racismo que continúa a existir nas nosas rúas: “a día de hoxe aínda non considero que me integrara… simplemente aceptei algunhas cousas”. 

“Senegal é un país que está a piques de convertirse nun deserto. E esta esta desertificación acentuouse sobre todo polas prácticas agrícolas. Sabemos que os países colonizadores estableceron unhas normas por país segundo as cales Senegal tiña que cultivar cacahuete, Mali algodón, Costa de Marfil cacao, café e piña… E para poder vivir disto a xente tivo que ir gañando máis terreo para a agricultura. Isto leva á tala de árbores. E dende os anos 50-60 ata hoxe o que conseguimos foi rematar con todo o que antes era selva. Os animais marcharon. Eu lembro que cando era neno a partir do mes de agosto tiñamos prohibido saír para non perdernos. Ademais chovía sen parar do 1 de agosto ata o 22 e había moita auga. Hoxe perdimos case o 80% da vexetación e dos animais, e a cambio o que gañamos é a salidificación, é dicir, que terreos que antes podían ser cultivados, hoxe teñen capas de sal por riba. E a sal mata case todo o que hai. O meu pobo vivía da pesca, da agricultura e da gandeiría”, explica Djibril (Senegal). “Cando eu era neno había tantos peixes no río que mesmo podías escoitalos e pola mañá podías baixar a recoller os que quedaran na beira. Pero isto desapareceu porque agora os barcos exteriores faenan na zona. Sempre, todos os días. Día e noite. E a partires dos anos 70-80 isto intensificouse porque deixalos faenar mesmo nas zonas ‘prohibidas’ eran a peaxe que tiñamos que pagar para poder construir hospitais ou estradas en Senegal”, denuncia. Ademais, Djibril explica tamén como polas noites os barcos apagan as luces para poder seguir pescando sen ser vistos. Unha pesca intensiva que ten como consecuencia que hoxe en día persoas como Djibril non poidan vivir en Senegal da pesca, o principal sector do país xunto cos cultivos de cacahuete. “Antes podías vivir da pesca en Senegal, pero a partir dos anos 2000 tivemos que desprazarnos á costa de África para poder seguir traballando. Uns foron ao norte cara Mauritania, outros cara o sur a Gambia, Guinea-Bissau, Guinea-Conakry ou Sierra Leona. Concretamente no 2005 comezou o movemento de saída, porque entre 2000 e 2005 non tiñamos para vivir. Un mozo traballaba todo o ano e aínda así non podía cubrir as súas necesidades básicas. Ao final rematas dándote conta de que para traballar sen gañar nada compensa máis marchar a España, pero ao final é un negocio e sempre hai quen se beneficia disto”. 

Pero o espolio non é tan só de materias primas procedentes do mar ou da terra, senón que, como acontece tamén no Congo ou en Angola, as reservas de petróleo, gas natural, coltán e outros minerais nestes países da África Occidental constitúen un atractivo xigantesco para as grandes compañías europeas e norteamericanas, que non queren depender dos subministros rusos. “No 2012 descubriron en Senegal unha cantidade enorme de gas, petróleo, ferro… todo tipo de recursos que ninguén imaxinaba que tiveramos. E agora mesmo Europa, en colaboración co goberno de Senegal e as elites do país, están construíndo un gaseoducto dende África Occidental, dende o golfo de Guinea, ata España. Simplemente para evitar o subministro ruso. A simple vista pode parecer que España se beneficia disto, pero despois o beneficio real será para toda a Unión Europea. Mentres isto pasa, estes mesmos países fortalecen o terrorismo internacional polo lado de Mali, ata Costa de Marfil”. E, como xa afirmara Dàrio, Djibril asegura que isto obedece a unha única razón: “os recursos en tempos de paz custan máis”. Afirmacións e tamén preguntas que se repiten ao longo de toda a conversa: “que gaña Senegal de todo isto? Nada, agás deforestación e espolio de todo tipo de cousas”.

Moustapha é tamén orixinario de Senegal, pero a súa historia é moi diferente á de Djibril. Procedente do Senegal máis interior, a familia de Moustapha dedicouse sempre ao traballo no campo. Un traballo duro e que co tempo voltouse imposible. “Traballar no campo agora é perigoso. Antes a tempada de traballo duraba entre 7 e 8 meses nos que chovía de forma constante durante máis de 3h, e nunca pasaba máis dunha semana sen chover. Vivir do cacahuete era posible. Agora chove durante 3 meses, nunca máis dunha hora seguida, e poden pasar mesmo 15 días ou 1 mes sen auga. E non podes coller e regar con auga da casa, porque non temos. Tes que agardar á choiva. Cando vai chover? Canto vai chover? Non se sabe”.

Sexa como fór, se nalgo coinciden todas as persoas migrantes ou eco-refuxiadas coas que tivemos o pracer de conversar nas pasadas semanas, a idea de voltar á súa terra natal é o combustible que lles permite seguir cara diante, procurando unha vida mellor nun occidente demasiado acostumado a coller o que quere sen dar nada a cambio. “Voltar ao noso país e o soño de todos. Eu penso que na miña comunidade (senegalesa) todos pensan en voltar. Todos. Eu tamén. A miña familia está aquí pero ese sentimento de pertencer a unha comunidade, vivir a realidade dunha comunidade...iso é algo que vive sempre no teu corazón. E bótalo de menos cando saes. Nós estamos aquí simplemente para mellorar a vida, e co pouco que conseguimos gañar, aforramos e invertímolo no noso país. E cando por fin podes, voltas ao teu país sen mirar atrás. E estás máis en paz contigo mesmo porque isto é outro mundo”, explica Djibril (Senegal). “Eu de Europa sabía o que botan na tele. Agora sei a realidade. Se soubera que a vida aquí ía ser así non tería vido”. Dàrio (Angola) afirma: “eu non coñezo a ningunha persoa que queira morrer en Europa, nunca falei cun africano que queira morrer en Europa. E tampouco que queira vivir moito tempo aquí. Eu quero estar o tempo que me permita ter unhas condicións dignas que me permitan marchar”.

Djibril mantén a esperanza e agarda que, se ben na actualidade a economía en Senegal atópase controlada nun 80% por empresas francesas que non invirten na xuventude do país, a cal representa entre un 50 e un 60% da poboación total, “ten que chegar un momento no que miremos cara nós mesmos. Ten que chegar un momento no que comecemos a cooperar, pero unha cooperación real, un traballar xuntos. Millóns de mozos africanos están chegando a Europa para manter unhas condicións de seguridade social, manter un desenvolvemento aquí… pero en realidade, queremos seguir sendo inmigrantes sempre? Non. Ten que chegar o momento no que nos conciencemos. Ninguén vai desenvolver o teu país por ti, telo que desenvolver ti. E despois se precisas colaborar, colabora. Pero primeiro tes que controlar o que xa tes”.

 

 

 

Grupo local de Greenpeace A Coruña (2021)